Falando con sentidiño das escolas infantís municipais

FALANDO CON SENTIDIÑO DAS ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS

 Esta semana terá lugar, por conmemorarse o xoves 30 a data da morte de Gandhi, a chamada “semana da paz”. Ésta é unha das celebración anuais habituais nos centros educativos que traballan en torno a educación en valores. Para nós, dende a Escola Infantil Municipal de Montealto, pequena escola infantil do centro da cidade á que moitos pais e nais chaman afectuosamente escoliña, chega un tempo adicado a falar e facer, cousas e ideas, con sentidiño. Isto supón un marco ético dende o cal pensar, reflexionar de forma xusta sobre a realidade e actuar de forma cabal, dende unha postura razoada e razoable que é fundamental para (con)vivir e solucionar as dificultades de forma respectuosa para (e entre) todos e todas.

Mais, neste mesmo contexto, fóra da escola, nos espazos políticos se discuten e se toman importantes decisión sobre as formas e maneras de facer escola. Dende estes espazos chegan a nós certos discursos, construidos máis dende a lóxica dos idearios, sobre o futuro da xestión e organización das escolas municipais infantís. Todo isto sen contar coa voz de pedagogas e pedagogos, de mestres e mestras que saben por experiencia cotiá o que é a educación dos nenos e nenas. Apelemos a un pouco de sentidiño ao que se está a decir e decidir e a mirar a realidade correctamente para falar de forma obxectiva.

Nestes días existiu un ataque directo a un modelo, a unha xestión e incluso a manifestación dunha dúbida sobre o traballo pedagóxico das escolas. A reflexión e crítica, sobre un modelo específico aberto e benvido a novos reglamentos, é un deber sempre necesario que todos asumimos, pero pregar a realidade, sen ningún tipo de respecto, a un xuízo irresponsable e inxustificado é unha acción moi grave. O que está claro é que precisamos interlocutores cualificados a nivel profesional e non só políticos. Cando o modelo das escolas xurdiu alá pola década dos anos oitenta, no concello había xente moi profesional tomando decisións sobre o futuro da cidade a nivel educativo. Non foi casual que o desenvolvemento das escolas infantís producírase á par do xurdimento dos museos científicos ou das bibliotecas municipais. Por aquela vocación orixinal parece unha falta de respecto falar das escolas cun talante negativo e pretender indicar que a actual situación segue un modelo que as entende como “garderías”. O modelo municipal que se leva aplicando dende fai corenta anos nesta cidade non se corresponde con esa idea e asumilo suporía contradecir non só a súa intitulación nominal, senón tamén cuestionar o traballo que educadoras e pedagogas levan facendo durante décadas. Precisamente, foron estas escolas as principais defensoras na reivindicación histórica da importancia e estatus da educación infantil no sistema educativo e as que levan proxectando e levando a cabo experiencias educativas consideradas e premiadas a nivel local, provincial, nacional e mesmo internacionalmente.

Sen ningún tipo de sentido tamén se faltou ao respecto das pequenas empresas que integradas por profesionais do ensino xestionan as escolas. Estas empresas chegaron a xestión a través de concursos públicos de concorrencia competitiva convocados polo concello e cuxo control da xestión está nas mans do mesmo mediante os balances e orzamentos que solicita. Este servizo non está pois nas gadoupas de grandes empresas diseñadas para dar servizos educativos e que apostan polo rendemento económico por riba do deber educativo. O curioso é que mentras se propoñía que a xestión das escolas municipais quedara nas mans de entidades sen ánimo de lucro ninguén advertiu que o propio actual Regulamento (artículo 29, capítulo VII do Regulamento e funcionamento das Escolas Infantís integradas na Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM) de concello de A Coruña, B.O.P. de 15 de abril de 2014) non permite xerar beneficios para as concesionarias e ademáis contempla que as pérdidas sexan asumidas en exclusividade polas ditas empresas. Esta realidade tense que poñer en relación tamén coas acusación de precarización laboral.

Na escola infantil municipal de Montealto o custo dos salarios das traballadoras provén de dúas vías: a aportación municipal e a das familias respecto a determinados servizos. Non foi pouco habitual que ao longo destas décadas fora o propio concello o que non acometeu ocasionalmente as aportacións económicas en prazo para pagar a tempo os salarios, que tampouco fixera e faga ningún aporte para facer fronte as necesarias subidas salariais dos novos convenios nin actualizar os IPC anuais, deixando as empresas sen capacidade para asumir o que, agora, pretenden indicar como a falta duns salarios dignos. Ademais para este curso as prazas gratuitas das escolas non puideron ter comedores gratuitos xa que o anterior goberno municipal non foi capaz de solventar esta cuestión. A pregunta é, como se pode acusar públicamente deformando totalmente a realidade e sinalando directamente ás concesionarias e o seu traballo?
Pese a que estas mensaxes se están a difundir, contamos coas familias da escola, tanto as dos antigos alumnos como as dos actuais, que saben das nosas dificultades para traballar en boas condicións, das carencias históricas como as necesarias obras -responsabilidade do concello polo volumen da súa cuantía (artículo 30, capítulo VII do antedito Regulamento)- que aínda faltan por acometer pero das que sobraron periódicas promesas políticas, das manifestacións que fixemos ao longo dos anos pola defensa precisamente da situación que se lles ofrecían ás súas fillas e fillos e a insistencia que despregamos pola necesaria demanda de limpeza, mantenemento e seguridade dos espazos próximos os centros. Como pedagoga, educadora, directora, pequena empresaria, ademais de todo aquilo que ó fin do día deba engadir o traballo que desempeño no meu ámbito laboral, non acepto as mensaxes que desta forma poñan en dúbida a nosa profesionalidade, o noso labor pedagóxico e o noso facer empresarial e que cuestionen o noso total respecto polos dereitos das traballadoras.

Dende a escoliña municipal infantil Monte Alto estaremos sempre defendendo que se fale con sentidiño de nós e do traballo das escolas municipais. Montserrat Sancho Castro Directora E.I.M. Monte Alto

Últimos recoñecementos educativos do E.I.M. Monte Alto: Premio nacional da DGT polo proxecto “Paseando polas rúas” (2010); Premios en diferentes categorías na convocatoria de Ciencia en Acción (anos 2010, 2012 e 2015); Consideración de Boa Práctica por UNICEF ao prxecto “Imos ao Mercado – Tenda de Antón” (2016), Premio nacional da DGT polo proxecto de educación vial “Paseniño, paseniño vou facendo o camiño” (2017); Premio ao mellor proxecto Voz Natura en educación infantil por “A Torre: mar e terra” (2018); Primer premio de educación infantil e primaria en el 1ªCertamen Open Science de Cambre polo proxecto de astronomía dende a infancia “Eres mi Cielo” (2018); Finalista Autonómico no Premio Acción Magistral “A tenda de Antón” (2019) e Premio da Diputación da Coruña, Concepción Arenal de Igualdad en educación infantil polo proxecto “As maletas viaxeiras pola igualdade de xénero” (2020).

Parte deste artigo foi publicado na VOZ DE GALICIA do 30 de xaneiro de 2020.

Esta entrada fue publicada en Sin categoría. Guarda el enlace permanente.